Xornadas de Canto Coral 2025
- fecogasocial
- 22 sept
- 2 Min. de lectura
Estimados/as directores/as e membros das corais federadas,
É un pracer para a Federación Coral Galega (FECOGA) anunciar a apertura do prazo de inscrición para as Xornadas de Canto Coral 2025, un evento deseñado para seguir afondando no estudo e interpretación do noso valioso repertorio coral galego.
Nova localización en Santiago de Compostela
Por motivos de loxística, queremos informarvos dun cambio na localización. As xornadas terán lugar os días 15 e 16 de novembro na emblemática Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, e non na ubicación que comentaramos previamente.
Contaremos coa inestimable dirección do recoñecido mestre Javier Fajardo, director do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia. Trátase dunha oportunidade única para perfeccionar a técnica de canto coral en obras galegas, centradas en aspectos esenciais como a afinación, o empaste e o equilibrio entre voces.
As prazas son limitadas para garantir a calidade do traballo musical, polo que animamos a todos os interesados/as a formalizar a súa inscrición canto antes.
Importante sobre aloxamento e manutención:
Queremos informarvos de que a federación xestionará directamente as opcións de aloxamento e manutención para todas as persoas que o precisen, co obxectivo de ofrecer prezos reducidos e cofinanciados por FECOGA.
Polo tanto, rogamos que non fagades ningunha reserva pola vosa conta. A información detallada sobre as opcións dispoñibles e os prezos enviarase xunto coa comunicación de admisión.
O prazo de solicitude de praza estará aberto ata o 30 de setembro de 2025. Toda a información detallada sobre as xornadas, o repertorio e o proceso de inscrición está dispoñible no documento de bases que se adxunta a este correo.
Agardamos poder contar coa vosa participación para seguir enriquecendo o noso patrimonio musical.
Para calquera dúbida ou consulta, non dubidedes en contactar connosco.
Unha cordial aperta,
Directiva de FECOGA

Comentarios